Quen non coñece a canción do
Gato?
A letra canta así
Xuntáronse catro un día,
os millores deste barrio,
mataron un gato a tiros
e o meteron nun saco.
Vai o gato metido nun saco,
vai o gato prá terra da Laxe;
vai o gato metido nun saco,
ai, gatiño! xa non volve máis.
Que mal lles parecería
a calquera deses catro,
que os meteran nun saco
como meteron o gato.
Vai o gato…
Aquel gato era un artista,
traballaba na ribeira,
agora é un bañista
na praia da Castiñeira
Vai o gato…
Unha canción que nos fala doutro tempo. Que nos fala dunha época na que para dicir as cousas en público, moitas veces, facía falta transmitilas dunha forma encriptada, e ao receptor faríalle falta ler entre liñas. Neste caso, poñer unha maiúscula a todas os "gatos" para que de nome de animal pasen a ser Apelido de persoa. E velaí que a alegre cantiga popular pasa a ser unha canción protesta chea de tristeza e de, sobre todo na segunda estrofa, retranca:
Xuntáronse catro un día,
os millores deste barrio,
mataron un Gato a tiros
e o meteron nun saco.
Vai o Gato metido nun saco,
vai o Gato prá terra da Laxe;
vai o Gato metido nun saco,
ai, Gatiño! xa non volve máis.
Que mal lles parecería
a calquera deses catro,
que os meteran nun saco
como meteron o Gato.
Vai o Gato…
Aquel Gato era un artista,
traballaba na ribeira,
agora é un bañista
na praia da Castiñeira
Vai o Gato…
Porque a mellor forma de non esquecernos de todos eses Gatos é contar as súas historias para que non se esquezan, non hai mellor que difundilas, neste caso cantándoa, como fixo
O Leo, que nos contou o significado desta canción no transcurso das III Xornadas Lingua Literatura e Nación que tiveron lugar na Facultade de Filoloxía.