Vargas Llosa é patrono de UPyD e foi o primeiro firmante do Manifiesto por la Lengua Común. Lembremos que neste texto atopamos pequenas lindezas como que:
es un deseo encomiable aspirar a que todos los ciudadanos lleguen a conocer bien la lengua co-oficial (...) Pero tal aspiración puede ser solamente estimulada, no impuesta.
Es lógico suponer que siempre habrá muchos ciudadanos que prefieran desarrollar su vida cotidiana y profesional en castellano, conociendo sólo de la lengua autonómica lo suficiente para convivir cortésmente con los demás y disfrutar en lo posible de las manifestaciones culturales en ella.
Tamén se inclúe neste texto unha proposta de modificación lexislativa, onde se blindaría o español, negando os dereitos de atendemento na lingua propia, entre outros. (p.3 do manifesto).
Porén, este non foi o seu único punto escuro. En 1983, Vargas Llosa foi o presidente da Comisión de Investigación do caso Uchuraccay, onde se investigou o asasinato de 8 xornalistas que foran a unha aldea a investigar anteriores asasinatos, presuntamente a mans de forzas paramilitares. A comisión de investigación exculpaba ás forzas armadas (malia que probas posteriores acabarían inculpando a algúns dos seus cadros) e culpaba aos indíxenas para exculpar aos militares, o que lle valeu unha importante cantidade de críticas por parte de antropólogos denunciando que só buscaba chivos expiatorios das accións do exército e acusándoo de ignorancia e falta de respeto cara aos costumes indíxenas, paternalismo e de ver "as culturas indixenas como un obstáculo para a plena realización do seu ideal occidental do modelo de modernidade".
Na miña opinión non pode ser Premio Nobel en Literatura, supostamente o premio máis importante nesta arte, un home que non respeta culturas diferentes ás súas, que aposta por un modelo aculturizador, na vangarda do neoliberalismo uniformizante na aculturalización e proletarización dos diferentes povos. Como leramos na visita á exposición de John Berger na Coruña: "Todo usurpador fará o que estea na súa man para conseguir que nos esquezamos que vén de chegar". Entre estas cousas está o proceso de aculturalización dos usurpados.
Así, porque non creo que o modelo de literatura a premiar sexa o que defende o imperialismo cultural, o desprezo ás culturas non mercantís, indíxenas ou simplemente diferentes; para min este ano o Nobel de literatura ficou deserto.
Comenta!
Publicar un comentario