Nesta semana levase a cabo unha iniciativa impulsada polo blogger Aldea Irreductible denunciando que a maior redución nos orzamentos do estado recae no Ministerio de Ciencia.
Este redución é, obviamente, un sinsentido. Se algo lles debería ter ensinado a recente crise económica aos señores gobernantes, empresarios e especuladores é a absoluta necedade de pretender cimentar un crecemento económico nos alicerces da construción. A decembro de 2005 (datos máis recentes, que coa crise seguro que se viron aumentados) había 3.350.000 vivendas vacías no conxunto do Estado. A pesar diso, síguese construíndo, síguese gastando diñeiro na construción, e síguese dando diñeiro a un ministerio, o de vivenda, cuxas competencias teóricas están transferidas ás CC.AA. Por que se mantén este gasto? Supoño que en boa medida pola incapacidade do goberno de recolocar estes traballadores, e que por iso o goberno aprobou o tan famoso Plan-E. Mais iso, que non se enganen os gobernantes, non son máis que remendos.
Un sistema económico serio non pode estar baseado no ladrillo. Deberá estar baseado na innovación, na investigación, no desenvolvemento tecnolóxico e, agora, co cambio climático, na industria non contaminante ou incluso paliadora da contaminación.
Mentres outros gobernos reaccionan pagando plans de recolocación de obreiros da construción a obreiros da industria das eólicas ou das solares, por exemplo, o que permite dunha soa vez baixar o paro, baixar a importancia da construción na economía e evitar o uso de combustibles fósiles para a produción de enerxia... o goberno español recorta un 13'57% o orzamento do CSIC. Non hai innovación, non hai investigación... o único que hai son ganas de volver tropezar coa mesma pedra do crecemento económico especulativo e altamente contaminante.
Quen me teña lido o blogue saberá do meu posicionamento político-económico roxo-verde. Creo que a crise económica era unha oportunidade para que o goberno do estado abrise os ollos e puidese adoptar unha política decidida de crecemento económico produtivo e de superación das industrias contaminantes... e non fixo nin unha cousa nin outra. Unha oportunidade perdida. Outra máis.
Porén, moito peor é a situación da ciencia galega. Cun goberno galego que predica austeridade, os investigadores galegos deberían comezar a aforrar. A situación dos investigadores galegos, salvo excepcións, é penosa. Pasan máis tempo dedicados á burocracia que á investigación, tentando asegurar os poucos cartos do seu grupiño de investigación, e a facer curriculum antes que a descubrir algo novidoso.
Se nos centramos na financiación, hai que ter en conta que a investigación galega fóra das Universidades é mínima, e que a Consellería de Educación ten ás Universidades afogadas económicamente mentres que destina os cartos do seu departamento a loitar contra unha suposta imposición lingüística inexistente, nun exercicio da maior paranoia esquizofrenoide do centralismo galegófobo que lles levará a escoitar a voz da rúa por segunda vez o vindeiro día 18. Ao mesmo tempo, a Xunta gasta billóns en obras faraónicas sen sentido como a cidade da cultura e fomenta a división localista facendo que os alcaldes se pelexen por aeroportos e facultades de medicina.
Os galegos necesitamos unha capacidade investigadora decente de cara a abandonar os modelos económicos insostibles, especulativos e perniciosos para o medio. Non máis hidroeléctricas no Sil, non máis piscifactorías en Touriñán, non máis eólicas especulativas: diñeiro para investigación e desenvolvemento, economía verde, produtiva, e que revirta nos galegos facendo avanzar á sociedade.
Menos formigón e máis microscopios.
miércoles, 7 de octubre de 2009
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Comenta!
Publicar un comentario