Digo máis prezado, mais debería dicir, ante todo, que é o poeta máis necesario, un dos que mellor soubo describir a realidade e, sobre todo, dar VOZ realmente a esta Galiza aldraxada e agredida, está Galiza que agora máis que nunca, cando algúns están tentando darlle a estocada mortal en forma de silenciamento definitivo da súa voz, temos que lembrar que
"Galiza somos nós
a xente maila fala
se buscas a Galiza
en ti tes que atopala".
Asistín a un acto onte no Teatro Rosalía en lembranza do poeta, e non me gustaría deixar a miña particular lembranza sen copiar os dous poemas que pecharon o acto de onte, de especial relevancia na actualidade, un sobre o amor á terra, e outro, un canto de esperanza do que todos debemos tomar nota:
Canción do intre de ollar á propia terra
Ergo os ollos namais polo lecer
de mirar a nai terra tan fermosa
¡Galiza para vivir, para morrer;
terra túa e máis miña, terra nosa!
Terra clara e escura, ingrata e nobre.
Terra pobre, sinxela e complicada.
Raíz da que vimos, teito que nos cobre;
nai indiferente, xorda, patria amada.
Estou sobre ti, ben sei, sen merecerte,
tripando o teu chao, o teu torrón.
A miña alma é pequena para quererte;
é pequeno, para amarte, o corazón.
Homes e terras fante a ti, Galiza;
ti es mar, terra, homes, ruín sorte.
¡Galiza na tristura e na lediza,
xogándote a ti mesma a vida ou morte!
Canción para agardar un novo día
Non podemos durmir, anque é de noite,
porque temos que chamar polos irmaos,
anque a sombra e o vento nos escoite,
anque nos aten espírito, pés e maos.
Anque o noso carro parta polo eixe
e coma o demo: beleza e poesía.
Anque o sono nos ronde e non nos deixe
saír cara ao sol, á luz do día.
Non podemos durmir, anque a canseira
nos peche o corazón, ollos e mente.
Temos que despertar. E nesta xeira
berrarlle a todo o mundo, a toda a xente:
"¡Estamos enterrados entre nebras,
estamos afogados entre prantos!
¡Temos que basoirar todas as tebras,
sepultar os arrepíos e os espantos!
¡Temos que encamiñarnos para o albor
e andar polo chao con pé seguro!
¡Temos que sementar amor e máis furor
para colleitar esperanza e máis futuro!"
2 Transgresións da máxima de relación:
Unha mágoa estar liado como estou e non ter podido asistir, porque de seguro que pagaba a pena.
Grande poeta onde os haxa, entre os grandes que pariu esta terra, Galiza
imos ter que matar a Reixa para comezar a facer leituras do Viva Galiza Beibe...
falandodetodunpouco
Publicar un comentario