Mostrando entradas con la etiqueta Reivindicacións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Reivindicacións. Mostrar todas las entradas

martes, 10 de agosto de 2010

Ven a nós, ao Oeste...



Aínda que a nosa situación non sexa tan dramática coma a do Scottish Gaelic, non podo máis que facer meu o estribillo, e animar a quen sexa a vir con nós, ao Oeste, a escoitar a lingua dos heroes, a lingua dos galegos...

miércoles, 26 de mayo de 2010

Cantiga para unha antroidada

Os lobos seguen indo con peles de ovella, e seguen abrazándose aos conceptos máis vacuos, retorcéndoos con falsía, e non querendo que nos movamos desa longa noite de pedra... se rescatamos (e facémolo, e farémolo) os feitos, non deixaremos que volvan!

Deixovos con Fuxan os Ventos.





Andan con peles de ovella
cantando falsas gabanzas
os lobos de anos pasados baixan na noite calada.
Mala morte non me mate!
veñen con Autonomía, comerciada por caciques,
maldita falla facía.

SE NON TEDES SACHOS
TRAGUÉMOLOS NÓS
ARADOS DE FERRO
E CARROS CON BOIS (bis).

E, algunhes deles andaban
trasquiando galeguistas
pra non perderen a manda
fixéronse autonomistas.
E, ás veces, falan galego,
e presumen de labradores
a perdición de Galicia
está en maus deses señores!

SE NON TEDES SACHOS
TRAGUEMOLOS NOS.
................
................

Máis, todos nós ben sabemos
aínda nos sobra mamoria;
corenta anos de silencio
non enterraron a hestoria!
Mozos da Terra emigrante
da Galicia xenerosa,
non deixemos que nos rouben
a Patria do pobo, A NOSA.

jueves, 4 de febrero de 2010

Non á ampliación de Alvedro

Estes días pasados o señor Ministro de Fomento, Pepiño ¿de Palas? anunciou a bombo e platillo a orzamentación das INNECESARIAS obras de ampliación do Aeroporto de Alvedro.

As causas polas que esta obre é innecesaria son múltiples e variadas, mais hoxe non as vou escribir eu, vouvos encamiñar a este link do blogue Culleredo Sur.

Sobran máis palabras:

NON Á AMPLIACIÓN!

sábado, 17 de octubre de 2009

Unha historia contada noutra Lingua...

DEITADO FRENTE AO MAR

Lingoa proletaria do meu pobo,

eu fáloa porque sí, porque me gosta,

porque me peta e quero e dame a gaña;

porque me sai de dentro, alá do fondo

dunha tristura aceda que me abrangue

ao ver tantos patufos desleigados,

pequenos mequetrefes sin raíces

que ao pór a garabata xa nan saben

afirmarse no amor dos devanceiros,

falar a fala nai,

a fala dos abós que temos mortos,

e ser, co rostro erguido,

mariñeiros, labregos do lingoaxe,

remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta

e quero estar cos meus, coa xente miña,

perto dos homes bos que sofren longo

unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,

non falo pra os ruis e poderosos,

non falo pra os finchados,

non falo pra os valeiros,

non falo pra os estúpidos,

que falo pra os que agoantan rexamente

mentiras e inxusticias de cotío;

pra os que súan e choran

un pranto cotidián de volvoretas,

de lume e vento sobre os ollos núos.

Eu non podo arredar as miñas verbas

de tódolos que sofren neste mundo.

E ti vives no mundo, terra miña,

berce da miña estirpe,

Galicia, dóce mágoa das Españas,

deitada rente ao mar, ise camiño...





Vémonos mañá en Compostela.

miércoles, 9 de septiembre de 2009

Manuel María

Onte fixéronse cinco anos da morte do máis prezado dos poetas galegos contemporáneos: Manuel María

Digo máis prezado, mais debería dicir, ante todo, que é o poeta máis necesario, un dos que mellor soubo describir a realidade e, sobre todo, dar VOZ realmente a esta Galiza aldraxada e agredida, está Galiza que agora máis que nunca, cando algúns están tentando darlle a estocada mortal en forma de silenciamento definitivo da súa voz, temos que lembrar que

"Galiza somos nós
a xente maila fala
se buscas a Galiza
en ti tes que atopala".

Asistín a un acto onte no Teatro Rosalía en lembranza do poeta, e non me gustaría deixar a miña particular lembranza sen copiar os dous poemas que pecharon o acto de onte, de especial relevancia na actualidade, un sobre o amor á terra, e outro, un canto de esperanza do que todos debemos tomar nota:

Canción do intre de ollar á propia terra


Ergo os ollos namais polo lecer
de mirar a nai terra tan fermosa
¡Galiza para vivir, para morrer;
terra túa e máis miña, terra nosa!

Terra clara e escura, ingrata e nobre.
Terra pobre, sinxela e complicada.
Raíz da que vimos, teito que nos cobre;
nai indiferente, xorda, patria amada.

Estou sobre ti, ben sei, sen merecerte,
tripando o teu chao, o teu torrón.
A miña alma é pequena para quererte;
é pequeno, para amarte, o corazón.

Homes e terras fante a ti, Galiza;
ti es mar, terra, homes, ruín sorte.
¡Galiza na tristura e na lediza,
xogándote a ti mesma a vida ou morte!



Canción para agardar un novo día


Non podemos durmir, anque é de noite,
porque temos que chamar polos irmaos,
anque a sombra e o vento nos escoite,
anque nos aten espírito, pés e maos.

Anque o noso carro parta polo eixe
e coma o demo: beleza e poesía.
Anque o sono nos ronde e non nos deixe
saír cara ao sol, á luz do día.

Non podemos durmir, anque a canseira
nos peche o corazón, ollos e mente.
Temos que despertar. E nesta xeira
berrarlle a todo o mundo, a toda a xente:

"¡Estamos enterrados entre nebras,
estamos afogados entre prantos!
¡Temos que basoirar todas as tebras,
sepultar os arrepíos e os espantos!

¡Temos que encamiñarnos para o albor
e andar polo chao con pé seguro!
¡Temos que sementar amor e máis furor
para colleitar esperanza e máis futuro!"


miércoles, 19 de agosto de 2009

Explotación turística do medio natural... ASÍ NON!

Levaba xa varios meses bastante emocionado coa nova de que había unha nova ruta ao Pindo desde o encoro de Mazaricos, que permitiría facer unha macroruta circular que saíse do Pindo e chegase ao Ézaro desde arriba... algo parecido a isto:

Roteiro

Pois ben, como ben din aquí, certa asociación cultural (?) de Mazaricos foi a encargada de marcala, con técnicas pouco invasivas e demais. Vamos, un exemplo de como se teñen que facer as cousas.

Cal é o problema??

Pois que na base da Moa TALARON un piñeiral para facer unha área de descanso!! con mesiñas!! xa que unha vez ao ano fan alí unha barbacoa (en Xullo, o cal teoricamente está prohibido) coa CaixaGalicia (xa era raro que non estivesen estes por aquí) e a xente se queixaba de non ter mesas...

Xa postos, porque non poñen un telescopio de mirar as vistas no cumio? E un Opencor ao lado dos restos do Castelo?

Non. Así non. Eu non quero rutas de senderismo se van ser igual de invasivas que unha autoestrada. Ese non é o camiño a seguir. E iso deberiao saber especialmente unha asociación cultural.

Por outra banda, ten moito delito que o autorice unha consellería de medio rural que non se lembra que o Pindo é un LIC que está na rede Natura.

Pido por favor que difundades esta barbarie!

Saquei a info, e podedes ver fotos da burrada, aquí:
Ézaro en Fotos
Que pasa na Costa

sábado, 11 de abril de 2009

As cinco diferencias...

Kai Tek



vs.

Alvedro




Eu comezo coa primeira:

O aeroporto de Kai Tek foi pechado en 1998.

martes, 30 de diciembre de 2008

Iraq vs Israel

George W. Bush dixo:

Iraq ten armas de destrución masiva.

Iraq ten un goberno autoritario, baseado nunha importante forza militar, que non respeta os dereitos humáns e practica o xenocidio sobre outros pobos existentes dentro das súas fronteiras, ademais de ter invadido outros estados.

Iraq fai caso omiso das medidas de presión da diplomacia internacional e das resolucións das Nacións Unidas.

Iraq ten petroleo.


Agora, tomemos estas proposicións, cambiemos Iraq por Israel, vexamos se siguen sendo certas, e preguntémonos:

POR QUE O PRESIDENTE EN FUNCIÓNS DOS E.U.A. NON ENVÍA Á SEXTA FLOTA LANZAR OS SEUS MÍSILES AO ESTADO DE ISRAEL?

viernes, 5 de diciembre de 2008

Os Comités, forza máis votada nas eleccións ao Claustro da UdC

Onte puiden compartir cos meus compañeiros e compañeiras dos Comités o triunfo nas eleccións da Universidade da Coruña. Os Comités convertironse na organización estudiantil máis votada da UDC nas eleccións celebradas onte, xoves 4.

Foron elexidos 30 claustrais dos Comités, seguidos de IESGA, con 16; Gaded, con 4; e doutras organizacións estudiantís.

Onte á noite puiden compartir unhas cañas cos electos dos Comités ao Claustro na Cova Céltica (rúa Orzán, 82), onde todos vivimos momentos de grande emoción como a aparición dos compañeiros de Dereito, que conseguiron por fin abrir paso ao nacionalismo no mar de organizacións con fachadas apolíticas e trasfondo filo-opusino.

Os claustrais dos Comités teñen agora unha tarefa a desenvolver (e estou seguro de que o conseguirán), que é o traballo por unha Universidade Pública, Galega, Democrática e de Cualidade!!

Adiante Comités!

sábado, 15 de noviembre de 2008

19-N Folga Estudantil!






+ diñeiro público.

A día de hoxe, a porcentaxe de investimento da Consellaría de Educación na educación universitaria é o 0,75% do P.I.B de Galiza; mais agora temos que crer que vai chegar ao 1,5 en 2015, cando nun primeiro momento o obxectivo da Consellaría era chegar ao 1% en 2010.Porén, os Comités entendemos que o investimento público no ensino universitario non debe ser inferior ao 1,5% do P.I.B galego no ano 2010.

- taxas.

Na actualidade, a porcentaxe de participación do estudantado a través das taxas no financiamento universitario supón: na UdC o 13,81%, na USC o 18,21% e na Uvigo o 10,29%.Nós apostamos pola redución da porcentaxe de participación das taxas no financiamento das universidades até o 5% no ano 2010, non producíndose ningún perxuízo económico para as universidades e beneficiando a moitas e moitos.

+ bolsas.

Só o 17% dos estudantes da Galiza están bolsados polo Ministerio de Educación e Ciencia (MEC), primando os criterios académicos sobre os económicos e producindo que unha parte importante do estudantado non teña acceso a unha bolsa que necesita.Consideramos que é necesario en 2010 pasar do 17% ao 33% os estudantes beneficiaros de Bolsas de Axuda ao Estudo, e elevar do 17% ao 50% os estudantes que teñen exención de taxas por criterios de renda. Alén da asunción da política de bolsas por parte da Xunta a fin de axeitala ás nosas características socioeconómicas propias.

+ aloxamento público.

Para garantir un aloxamento público abondo faise necesaria a creación dun ente público composto polas tres universidades galegas, a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellaría de Vivenda e Solo para a xestión do aloxamento universitario, que convirta todas as prazas concertadas, subvencionadas e concesionadas en prazas públicas antes do ano 2010. Así como a elaboración dun plano plurianual de aloxamento público universitario que garanta cando menos acceso ao 15% dos estudantes matriculados en cada campus.

+ coordinación.

Un apoio económico decidido será imprescindíbel para a xestión integral necesaria do Sistema Universitario Galego (SUG) no que ten a ver coas infraestruturas, aloxamento público universitario, matriculación, investigación, mapa de títulos, promoción...

- despilfarro

Coidamos que para que os cartos de todas e todos nós non os desbalden uns poucos é completamente necesaria a fiscalización e control orzamentario por parte da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

+ calidade.

Unha universidade de calidade pasa pola progresiva eliminación da limitación de prazas nas titulacións, nos graos e nos posgraos, a eliminación das probas específicas para as titulacións, a redución das proporcións profesor/alumno. Do mesmo xeito cómpren melloras substanciais tanto en materiais como en infraestruturas.súmate na defensa da universidade pública galega!

jueves, 11 de septiembre de 2008

"La" Wikipedia ... libre?

Se algunha vez vos parastes a mirar as miñas ligazóns, veredes que teño a Galipedia e a Wikipedia en Inglés. Chama a atención: Por que non a Wikipedia en Castelán?

A Wikipedia alardea de ser unha Enciclopedia libre, na que cada quén pode escribir o que quixer, e así o fixen en moitas ocasións, primeiramente na Galipedia, logo en artigos sobre Galiza na Wikipedia en Castelán e posteriormente, para practicar o inglés, na Wikipedia en Inglés.

Conto isto, porque, xa hai ben tempo, decidín que non colaboraría na Wikipedia en Castelán. Por alí polo 2005 vin con sorpresa como ao xa coñecido caso de La Coruña, que tanto dano me facía na vista, sumárase a corrección do meu artigo sobre Culleredo. Culleredo xa non era Culleredo, era Cucharedo.


1. A Toponimia, a deturpación e a excusa.

Porén, malia non colaborar, seguin entrando nas discusións, a lelas, e a sorprenderme cos marabillosos argumentos dos "Lacoruñesistas":
Primeiro, os recursos de SirPacoDoVaticano contra as resolucións do TSXG, e mais tarde, cando os recursos caeron/foron retirados, argumentando que na Wikipedia non importa a oficialidade, senón o uso ( e pervertindo un argumento da Gramática Descritivista, by the way). A xustificación dos administradores para isto é que fóra do estado español ninguén usa a forma A Coruña e que, ao ser a Wikipedia en Castelán destinada a todos os países castelán-falantes, non se debía usar A Coruña).

Vemos así, como a Wikipedia usa a legalidade vixente mentres que lle interesa, despreciándoa despois e facendo unha argumentación "fóra do estado español ninguén usa a forma A Coruña" que, de aparecer nun artigo, sería tachada, seguindo o argot Wikipedista, de Punto de Vista non Neutral, e información non contrastada, e, polo tanto, borrada.

Malia isto, e por se aínda non chegara, tamén se usa "Junta de Galicia", un esperpento xustificado porque na versión en español do actual estatuto aparece esta forma.

Neste caso, como o argumento do uso xa non vale, nos volvemos prescriptivistas e tiramos da tradución dun estatuto como argumento marabilloso. Todo sexa pola castelanización das mentes.


2. A ocultación e a censura.

Ademáis deste caso de falta de respeito pola variedade lingüística, a Wikipedia posúe outros marabillosos trazos característicos que non debemos esquecer:

A Wikipedia Española fai uso da Historiografía Española, ou Españolista, ou Españoleira. A de Pelayos e Isabeles, Una Grande y Libre e Santiago y Cierra España. Así, ocúltanse os argumentos da Historiografía Galega sobre aspectos como o Reino Suevo, que se ven marxinados no seu tratamento na Wikipedia.

A Wikipedia Española leva a cabo unha censura de toda corrente non acorde coa política dos administradores, co coñecido exemplo da consideración de Rebelion.org como fonte non neutral, e, polo tanto, non válida.
Porén, sitios como LibertadDigital son considerados neutrais e válidos, e páxinas da Wikipedia son creadas (e validadas) grazas á DES-información aparecida neses sitios.


Conclusión:

Así, a Wikipedia, a enciclopedia "libre", vése arrastrada do seu soño utópico ao fango da realidade, da manipulación, e da perda de prestixio, xa que a censura, nos tempos de internet, máis que ocultar, produce riso.


Ligazóns:

Normativa da Wikipedia no tocante a Toponimos, ou de como vale máis a web de La Razón que o uso dos habitantes dun lugar.

A galería dos horrores, ganadora do I campeonato estatal de sitio con maior número de erros por kilopíxel cadrado.

Bloqueo de Rebelion.org
 
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet