sábado, 19 de septiembre de 2009

Temos unha visión




Tivemos unha visión

Na escuridade da desesperanza tivemos unha visión. Acendimos a luz da esperanza. E non se extinguiu.

No deserto do desalento tivemos unha visión. Prantamos a árbore do valor. E floreceu.

No inverno da servidume tivemos unha visión. Derretimos a neve do letargo. E o río da resurrección dela naceu.

Mandamos a nosa visión nadar coma un cisne no río. A visión tornou realidade. O inverno tornou verán. A servidume tornou liberdade. E isto vos deixamos como herdanza.

O! xeracións da liberdade, lembrádenos, a nós, xeracións da visión.



Tradución libre do poema
"We saw a vision",
de Liam Mac Uistin,
tal e como se pode ver nos
Gardens of Remembrance,
"dedicated to those who gave their lives
in the cause of Irish freedom".

martes, 15 de septiembre de 2009

Deathlists: Primeiro impacto...

Ola xente, actualizo rapidamente para dicir que a 14 de setembro, no noveno mes de Morte e Destrución '09, prodúcese o primeiro acerto das listas presentadas...

Onte, dezanove anos despois da súa morte e resurrección en pantalla, morreu Patrick Swayze.




Polo tanto, Oink! anótase o seu primeiro punto. Aínda quedan 3 meses ata que remate o xogo. Sorte aos participantes.

viernes, 11 de septiembre de 2009

Edgar Allan Poe

A UT de Austin acaba de dixitalizar toda a súa colección de manuscritos e demais sobre Edgar Allan Poe.

Mirádeo aquí.

Por certo, permitome enviarvos a unha imaxe de Poe que de seguro non coñeceredes...

(Via: BoingBoing)

miércoles, 9 de septiembre de 2009

Manuel María

Onte fixéronse cinco anos da morte do máis prezado dos poetas galegos contemporáneos: Manuel María

Digo máis prezado, mais debería dicir, ante todo, que é o poeta máis necesario, un dos que mellor soubo describir a realidade e, sobre todo, dar VOZ realmente a esta Galiza aldraxada e agredida, está Galiza que agora máis que nunca, cando algúns están tentando darlle a estocada mortal en forma de silenciamento definitivo da súa voz, temos que lembrar que

"Galiza somos nós
a xente maila fala
se buscas a Galiza
en ti tes que atopala".

Asistín a un acto onte no Teatro Rosalía en lembranza do poeta, e non me gustaría deixar a miña particular lembranza sen copiar os dous poemas que pecharon o acto de onte, de especial relevancia na actualidade, un sobre o amor á terra, e outro, un canto de esperanza do que todos debemos tomar nota:

Canción do intre de ollar á propia terra


Ergo os ollos namais polo lecer
de mirar a nai terra tan fermosa
¡Galiza para vivir, para morrer;
terra túa e máis miña, terra nosa!

Terra clara e escura, ingrata e nobre.
Terra pobre, sinxela e complicada.
Raíz da que vimos, teito que nos cobre;
nai indiferente, xorda, patria amada.

Estou sobre ti, ben sei, sen merecerte,
tripando o teu chao, o teu torrón.
A miña alma é pequena para quererte;
é pequeno, para amarte, o corazón.

Homes e terras fante a ti, Galiza;
ti es mar, terra, homes, ruín sorte.
¡Galiza na tristura e na lediza,
xogándote a ti mesma a vida ou morte!



Canción para agardar un novo día


Non podemos durmir, anque é de noite,
porque temos que chamar polos irmaos,
anque a sombra e o vento nos escoite,
anque nos aten espírito, pés e maos.

Anque o noso carro parta polo eixe
e coma o demo: beleza e poesía.
Anque o sono nos ronde e non nos deixe
saír cara ao sol, á luz do día.

Non podemos durmir, anque a canseira
nos peche o corazón, ollos e mente.
Temos que despertar. E nesta xeira
berrarlle a todo o mundo, a toda a xente:

"¡Estamos enterrados entre nebras,
estamos afogados entre prantos!
¡Temos que basoirar todas as tebras,
sepultar os arrepíos e os espantos!

¡Temos que encamiñarnos para o albor
e andar polo chao con pé seguro!
¡Temos que sementar amor e máis furor
para colleitar esperanza e máis futuro!"


domingo, 6 de septiembre de 2009

Un pouco de música relaxante...

Agora que o Dani abandonou definitivamente o seu blogue... ¬¬ pois vou subir dúas cancións que descubrín nel e que son moi acaídas a estes días de exames, nervios e demais.

Relaxadevos, pechade os ollos... e deixádevos levar.

Phoenix - North






Explosions in the sky - Your hand in mine


lunes, 31 de agosto de 2009

Blogday 09

Disque hoxe é o Blogday, e disque cada blogue ten que recomendar outros 5...

así que alá vou:

1.Capítulo 0. O decano do blogomillo é unha referencia en divulgación cultural con afán conservador e en roteiros. Un básico.

2.Fronteras. Blogue sobre curiosidades da xeografía que para un freak dos mapas coma min é indispensable.

3.Crónicas dunha cámara. O relato dunha volta ao mundo. Atención: crea envexa (sana). Engancha.

4.Listverse. Os top10 máis curiosos, divertidos ou sorprendentes.

5.Treehugger. Ecoloxismo, conservación. Descubrino aínda hai pouco e enganchoume.

Os criterios para a confección da lista foron incluir blogues non demasiado coñecidos (a Microsiervos ou a Fogonazos sobranlle as visitas) e non incluir blogues de amigos ou colegas, por non crear posibles malos rollos de "incluíches a tal e non a min". Se queredes ver os seus blogues, mirade á dereita.

Disfrutade do blogueo!

miércoles, 19 de agosto de 2009

Explotación turística do medio natural... ASÍ NON!

Levaba xa varios meses bastante emocionado coa nova de que había unha nova ruta ao Pindo desde o encoro de Mazaricos, que permitiría facer unha macroruta circular que saíse do Pindo e chegase ao Ézaro desde arriba... algo parecido a isto:

Roteiro

Pois ben, como ben din aquí, certa asociación cultural (?) de Mazaricos foi a encargada de marcala, con técnicas pouco invasivas e demais. Vamos, un exemplo de como se teñen que facer as cousas.

Cal é o problema??

Pois que na base da Moa TALARON un piñeiral para facer unha área de descanso!! con mesiñas!! xa que unha vez ao ano fan alí unha barbacoa (en Xullo, o cal teoricamente está prohibido) coa CaixaGalicia (xa era raro que non estivesen estes por aquí) e a xente se queixaba de non ter mesas...

Xa postos, porque non poñen un telescopio de mirar as vistas no cumio? E un Opencor ao lado dos restos do Castelo?

Non. Así non. Eu non quero rutas de senderismo se van ser igual de invasivas que unha autoestrada. Ese non é o camiño a seguir. E iso deberiao saber especialmente unha asociación cultural.

Por outra banda, ten moito delito que o autorice unha consellería de medio rural que non se lembra que o Pindo é un LIC que está na rede Natura.

Pido por favor que difundades esta barbarie!

Saquei a info, e podedes ver fotos da burrada, aquí:
Ézaro en Fotos
Que pasa na Costa
 
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet