martes, 30 de noviembre de 2010

Manifesto por unha rede neutral

Tradución de Mallando na-eira

Os cidadáns e as empresas usuarias de Internet adheridas a este texto MANIFESTAMOS:
  1. Que Internet é unha Rede Neutral por deseño, dende a súa creación até a súa actual implementación, na que a información flúe de maneira libre, sen discriminación ningunha, en función de orixe, destino, protocolo ou contido.
  2. Que as empresas, emprendedores e usuarios de Internet puideron crear servizos e produtos nesa Rede Neutral sen necesidade de autorizacións nin acordos previos, dando lugar a unha barreira de entrada practicamente inexistente que permitiu a explosión creativa, de innovación e de servizos que define o estado da rede actual.
  3. Que os usuarios, emprendedores e empresas de Internet puideron definir e ofrecer os seus servizos en condicións de igualdade, levando o concepto da libre competencia até extremos nunca antes coñecidos.
  4. Que Internet é o vehículo de libre expresión, libre información e desenrolo social máis importante co que contan os cidadáns e empresas. A súa natureza non debe ser posta en risco baixo ningún concepto.
  5. Que para posibilitar esa Rede Neutral as operadoras deben transportar paquetes de datos de maneira neutral, sen erixirse en "aduaneiros" do tráfico e sen favorecer ou prexudicar a uns contidos por riba doutros.
  6. Que a xestión do tráfico en situacións puntuais e excepcionais de saturación das redes debe acometerse de xeito transparente, de acordo a criterios homoxéneos de interese público e non discriminatorios nin comerciais.
  7. Que a dita restrición excepcional do tráfico por parte das operadoras non pode converterse nunha alternativa sostida á inversión de redes.
  8. Que a dita Rede Neutral se ve ameazada por operadoras interesadas en chegar a acordos comerciais polos que se privilexie ou degrade o contido segundo a súa relación comercial coa operadora.
  9. Que algúns operadores do mercado queren "redefinir" a Rede Neutral para manexala de acordo cos seus intereses, e esa pretensión debe ser evitada; a definición das regras fundamentais do funcionamento de Internet debe basearse no interese de quen a usan, non de quen as proven.
  10. Que a resposta ante esta ameaza para a rede non pode ser a inacción: non facer nada equivale a permitir que intereses privados poidan de facto levar a cabo prácticas que afectan ás liberdades fundamentais dos cidadáns e a capacidade das empresas para competir en igualdade de condicións.
  11. Que é preciso e urxente instar ao Goberno a protexer dun xeito claro e inequívoco a Rede Neutral, co fin de protexer o valor de Internet de cara ao desenrolo dunha economía máis produtiva, moderna, eficiente e libre de inxerencias e intromisións indebidas. Para iso é preciso que calquera moción que se aprobe vincule de xeito indisolúbel a definición de Rede Neutral no contido da futura lei que se promova, e non condicione a súa aplicación a cuestións que pouco teñen que ver con esta.
A Rede Neutral é un concepto claro e definido no ámbito académico, onde non suscita debate: os cidadáns e as empresas teñen moito dereito a que o tráfico de datos recibido ou xerado non sexa manipulado, terxiversado, impedido, desviado, priorizado ou retrasado en función do tipo de contido, do protocolo ou aplicación empregado, da orixe ou destino da comunicación nin de calquera outra consideración allea á da súa propia vontade. Ese tráfico tratarase como unha comunicación privada e exclusivamente baixo mandato xudicial poderá ser espiado, trazado, arquivado ou analizado no seu contido, como correspondencia privada que é en realidade.

Europa, e España en particular, atópanse no medio dunha crise económica tan importante que obrigará ao cambio radical do seu modelo produtivo e a un mellor aproveitamento da creatividade dos seus cidadáns. A Rede Neutral é crucial á hora de preservar un ecosistema que favoreza a competencia e innovación para a creación dos innumerábeis produtos e servizos que quedan por inventar e descubrir. A capacidade de traballar en rede, de xeito colaborativo, e en mercados conectados, afectará a todos os sectores e todas as empresas do noso país, o que converte a Internet nun factor clave actual e futuro no noso desenrolo económico e social, determinando en gran medida o nivel de competitividade do país. De aí a nosa profunda preocupación pola preservación da Rede Neutral.

Por todo iso instamos con urxencia ao Goberno español a ser proactivo no contexto europeo e a lexislar de xeito claro e inequívoco neste sentido.

Esta entrada é unha tradución do Manifiesto por una red neutral no blogue de Enrique Dans. Síntete libre de reproducir, traducir e compartir isto onde quixer.

jueves, 7 de octubre de 2010

De Premios Nobel

E ao final déronlle o Nobel a Vargas Llosa. Pero non vou falar das súas virtudes literarias (máis que nada porque non sería obxectivo, non me gusta, mais tampouco me gusta García Márquez e non estou en contra de que lle concederan o Nobel). E si das súas ideas sobre a cultura en xeral e o respeto ao diferente.

Vargas Llosa é patrono de UPyD e foi o primeiro firmante do Manifiesto por la Lengua Común. Lembremos que neste texto atopamos pequenas lindezas como que:

es un deseo encomiable aspirar a que todos los ciudadanos lleguen a conocer bien la lengua co-oficial (...) Pero tal aspiración puede ser solamente estimulada, no impuesta.

Es lógico suponer que siempre habrá muchos ciudadanos que prefieran desarrollar su vida cotidiana y profesional en castellano, conociendo sólo de la lengua autonómica lo suficiente para convivir cortésmente con los demás y disfrutar en lo posible de las manifestaciones culturales en ella.


Tamén se inclúe neste texto unha proposta de modificación lexislativa, onde se blindaría o español, negando os dereitos de atendemento na lingua propia, entre outros. (p.3 do manifesto).

Porén, este non foi o seu único punto escuro. En 1983, Vargas Llosa foi o presidente da Comisión de Investigación do caso Uchuraccay, onde se investigou o asasinato de 8 xornalistas que foran a unha aldea a investigar anteriores asasinatos, presuntamente a mans de forzas paramilitares. A comisión de investigación exculpaba ás forzas armadas (malia que probas posteriores acabarían inculpando a algúns dos seus cadros) e culpaba aos indíxenas para exculpar aos militares, o que lle valeu unha importante cantidade de críticas por parte de antropólogos denunciando que só buscaba chivos expiatorios das accións do exército e acusándoo de ignorancia e falta de respeto cara aos costumes indíxenas, paternalismo e de ver "as culturas indixenas como un obstáculo para a plena realización do seu ideal occidental do modelo de modernidade".

Na miña opinión non pode ser Premio Nobel en Literatura, supostamente o premio máis importante nesta arte, un home que non respeta culturas diferentes ás súas, que aposta por un modelo aculturizador, na vangarda do neoliberalismo uniformizante na aculturalización e proletarización dos diferentes povos. Como leramos na visita á exposición de John Berger na Coruña: "Todo usurpador fará o que estea na súa man para conseguir que nos esquezamos que vén de chegar". Entre estas cousas está o proceso de aculturalización dos usurpados.

Así, porque non creo que o modelo de literatura a premiar sexa o que defende o imperialismo cultural, o desprezo ás culturas non mercantís, indíxenas ou simplemente diferentes; para min este ano o Nobel de literatura ficou deserto.

lunes, 30 de agosto de 2010

E queren que paguemos máis.

Eles poden non cumplir o que publicitan, nin en velocidade de conexión nin en calidade do servizo, poden externalizar a atención ao cliente, poden pasar da confidencialidade dos datos e vendelos a terceiros sen que o consumidor/usuario poida facer nada.
Uns poucos, porque somos poucos, tentamos aproveitar aquilo que contratamos. Unha liña de subida e baixada de datos de x kbps, que queremos aproveitar porque para iso a contratamos. Pero claro, cumplimos o noso contrato. Até os límites. Non pode ser. E queren que paguemos máis.

Hai dous elementos especialmente rastreiros neste comunicado: 1º o recurso á infrautilización do lexítimo dereito de suba e baixada de datos que teñen certos usuarios como defensa do argumento de Movistar, ("que uns paguen máis, porque se non os que non usan o que contratan están... pagándolles a eles!?") non señor, están pagando polo dereito a usar o que contratan, igual que paga o socio dunha piscina que non vai a ela. O problema é, precisamente que non sexan máis os que exerzan o seu dereito de usar o que contratan.

O 2º aspecto é que os proveedores de rede dan un acceso a esta cobrando unha cantidade, que depende de múltiples variables, a cambio do coidado e desenvolvemento desa rede. Os proveedores de rede queren cobrar tamén aos proveedores de servizo e aos usuarios pola cantidade de uso desa rede. E estes proveedores de rede, a maioría dos mesmos polo menos, non cumplen a súa parte do contrato, a saber, o coidado e o desenvolvemento da rede! É dicir, alugas unha casa, e non só che queren cobrar o aluguer (o dereito a usala), senón tamén, á parte, o uso que fagas dela, e iso que a casa ten pingueiras e cortes de electricidade que poderían servir para romper o contrato... pero claro, necesitamos unha casa, necesitamos a conexión. E eles queren que paguemos máis.

martes, 10 de agosto de 2010

Ven a nós, ao Oeste...



Aínda que a nosa situación non sexa tan dramática coma a do Scottish Gaelic, non podo máis que facer meu o estribillo, e animar a quen sexa a vir con nós, ao Oeste, a escoitar a lingua dos heroes, a lingua dos galegos...

viernes, 23 de julio de 2010

If games had super easy mode...

...I'd be a gamer and not such a ****er.

jueves, 15 de julio de 2010

Rosalía

Hoxe fanse 125 anos da morte de Rosalía de Castro, bo momento para lembrar un poema dela. Estiven tentado de poñer algún da Rosalía íntima e sensual, ou da Rosalía anticlerical, mais teño que poñer 'A Xusticia pola man'. Un poema que sempre me gustou, e un poema especialmente relevante nestes días (como se tivese habido outros nalgún momento) onde a miseria da xustiza cega ao sentir das xentes, dunha xustiza arrogada de poder divino, que debe de estar como o bon Dios, tan alta que non oe; ten máis relevancia que nunca, pois, non nos esquezamos, aqués que tén fama de honrados seguen vivos, e seguén roubando brancura, botando estrume, poñendo a roupa en tiras e non deixando nin pedra. Sobran os exemplos.


A xusticia pola man



Aqués que tén fama de honrados na vila,
roubáronme tanta brancura que eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.

Nin pedra deixaron en donde eu vivira;
sin lar, sin abrigo, moréi nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos..., ¡meus anxos...!, que tanto eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!

Quedéi deshonrada, mucharonme a vida,
fixéronme un leito de toxos e silvas;
y en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

-¡Salvádeme, ou, xueces!- berréi...¡Tolería!
De min se mofaron, vendéume a xusticia.
-Bon Dios, axudaime- berréi, berréi inda...
Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.


Entonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... ¡Ne as herbas sentían!
I a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.


Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe, ¡dun soio!, deixéinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.


I estonces..., estonces cumpréuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man que os ferira.

viernes, 9 de julio de 2010

Paradoxos

Querían ser unha nación.

E de acordo con esta idea, amosaronse:

120 deputados de 135 no Parlament de Catalunya

189 deputados de 350 no Parlamento do Estado Español

Un 73,24% dos cataláns, chamados a votar en referendum.



Porén, isto non vale nada, xa que, para 10 xuices:

A constitución "no conoce otra nación que la española" e "la ciudadanía catalana no es sino una especie del género ciudadanía española".

10 persoas teñen máis poder que o conxunto dos cataláns, preguntados nunha das escasas ocasións de participación popular da que nos provee este réxime pseudodemocrático, que os representantes destes mesmos cataláns no seu Parlamento e que os representantes de todos os habitantes do Estado, no que teoricamente é o máximo órgano lexislativo. O poder xudicial rebélase ante a vontade popular expresada tanto cuase-directa como mediadamente.

E aínda dirán que vivimos nunha democracia.
 
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet