sábado, 17 de octubre de 2009

Unha historia contada noutra Lingua...

DEITADO FRENTE AO MAR

Lingoa proletaria do meu pobo,

eu fáloa porque sí, porque me gosta,

porque me peta e quero e dame a gaña;

porque me sai de dentro, alá do fondo

dunha tristura aceda que me abrangue

ao ver tantos patufos desleigados,

pequenos mequetrefes sin raíces

que ao pór a garabata xa nan saben

afirmarse no amor dos devanceiros,

falar a fala nai,

a fala dos abós que temos mortos,

e ser, co rostro erguido,

mariñeiros, labregos do lingoaxe,

remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta

e quero estar cos meus, coa xente miña,

perto dos homes bos que sofren longo

unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,

non falo pra os ruis e poderosos,

non falo pra os finchados,

non falo pra os valeiros,

non falo pra os estúpidos,

que falo pra os que agoantan rexamente

mentiras e inxusticias de cotío;

pra os que súan e choran

un pranto cotidián de volvoretas,

de lume e vento sobre os ollos núos.

Eu non podo arredar as miñas verbas

de tódolos que sofren neste mundo.

E ti vives no mundo, terra miña,

berce da miña estirpe,

Galicia, dóce mágoa das Españas,

deitada rente ao mar, ise camiño...





Vémonos mañá en Compostela.

domingo, 11 de octubre de 2009

Mártir





"Son o home máis perseguido pola xudicatura de todos os tempos, en toda a historia da humanidade, en todo o mundo, porque fun sometido a máis de 2500 xuízos e teño a sorte (tendo traballado ben no pasado e acumulado unha riqueza importante) de ter sido quen de gastar máis de 200 millóns de € en conselleiros e XUICES, perdón, en conselleiros e avogados"



Silvio Berlusconi (Home máis perseguido da historia e mártir)

miércoles, 7 de octubre de 2009

A ciencia galega tampouco necesita tesoiras

Nesta semana levase a cabo unha iniciativa impulsada polo blogger Aldea Irreductible denunciando que a maior redución nos orzamentos do estado recae no Ministerio de Ciencia.



Este redución é, obviamente, un sinsentido. Se algo lles debería ter ensinado a recente crise económica aos señores gobernantes, empresarios e especuladores é a absoluta necedade de pretender cimentar un crecemento económico nos alicerces da construción. A decembro de 2005 (datos máis recentes, que coa crise seguro que se viron aumentados) había 3.350.000 vivendas vacías no conxunto do Estado. A pesar diso, síguese construíndo, síguese gastando diñeiro na construción, e síguese dando diñeiro a un ministerio, o de vivenda, cuxas competencias teóricas están transferidas ás CC.AA. Por que se mantén este gasto? Supoño que en boa medida pola incapacidade do goberno de recolocar estes traballadores, e que por iso o goberno aprobou o tan famoso Plan-E. Mais iso, que non se enganen os gobernantes, non son máis que remendos.

Un sistema económico serio non pode estar baseado no ladrillo. Deberá estar baseado na innovación, na investigación, no desenvolvemento tecnolóxico e, agora, co cambio climático, na industria non contaminante ou incluso paliadora da contaminación.
Mentres outros gobernos reaccionan pagando plans de recolocación de obreiros da construción a obreiros da industria das eólicas ou das solares, por exemplo, o que permite dunha soa vez baixar o paro, baixar a importancia da construción na economía e evitar o uso de combustibles fósiles para a produción de enerxia... o goberno español recorta un 13'57% o orzamento do CSIC. Non hai innovación, non hai investigación... o único que hai son ganas de volver tropezar coa mesma pedra do crecemento económico especulativo e altamente contaminante.

Quen me teña lido o blogue saberá do meu posicionamento político-económico roxo-verde. Creo que a crise económica era unha oportunidade para que o goberno do estado abrise os ollos e puidese adoptar unha política decidida de crecemento económico produtivo e de superación das industrias contaminantes... e non fixo nin unha cousa nin outra. Unha oportunidade perdida. Outra máis.

Porén, moito peor é a situación da ciencia galega. Cun goberno galego que predica austeridade, os investigadores galegos deberían comezar a aforrar. A situación dos investigadores galegos, salvo excepcións, é penosa. Pasan máis tempo dedicados á burocracia que á investigación, tentando asegurar os poucos cartos do seu grupiño de investigación, e a facer curriculum antes que a descubrir algo novidoso.

Se nos centramos na financiación, hai que ter en conta que a investigación galega fóra das Universidades é mínima, e que a Consellería de Educación ten ás Universidades afogadas económicamente mentres que destina os cartos do seu departamento a loitar contra unha suposta imposición lingüística inexistente, nun exercicio da maior paranoia esquizofrenoide do centralismo galegófobo que lles levará a escoitar a voz da rúa por segunda vez o vindeiro día 18. Ao mesmo tempo, a Xunta gasta billóns en obras faraónicas sen sentido como a cidade da cultura e fomenta a división localista facendo que os alcaldes se pelexen por aeroportos e facultades de medicina.

Os galegos necesitamos unha capacidade investigadora decente de cara a abandonar os modelos económicos insostibles, especulativos e perniciosos para o medio. Non máis hidroeléctricas no Sil, non máis piscifactorías en Touriñán, non máis eólicas especulativas: diñeiro para investigación e desenvolvemento, economía verde, produtiva, e que revirta nos galegos facendo avanzar á sociedade.


Menos formigón e máis microscopios.

sábado, 3 de octubre de 2009

Petricor

Hoxe puiden sentir un deses placeres dos sentidos que probablemente non valoramos o suficiente. Foi o olor, o placer para o olfato, o máis esquecido dos sentidos, que supón a primeira choiva caída despois do verán. Ese olor que inaugura o outono e que augura novas sensacións, magostos, caída das follas...



Este olor tan característico ten nome: chámase petricor, do grego Petros (pedra) e Ikhor (o fluído que corre a través das venas dos deuses).

O petricor fórmase a partir de aceites vexetais exudados polas plantas durante os períodos de sequía, que quedan pegados ás rochas e só se liberan ao aire coa chegada das primeiras choivas despois do verán.

martes, 29 de septiembre de 2009

Raiadura



Pois igual de rallantes son Negreira, Losada e Paco Vázquez co puto LA da Coruña. Que se cren que A Coruña é L.A... pois non! A gastar os cartos do concello noutra cousa!

Museos e auto-odio.

Leo en Chuza que o 60% nunca visitan os museos de arte da comunidade.

Esta estatística, triste en calqueira caso, faime pensar: Por que non os visitan?

Ocúrrenseme diferentes causas, pero antes da nada imos investigar:
Atopo na páxina de Museos de Galicia a listaxe dos museos cos que se fixo a estatística.
Miro a lista dos museos da provincia da Coruña e a verdade é que atopo unha oferta ampla e variada, se ben bastante concentrada xeograficamente.

Podería ser esta a causa? Podería, mais en calquera caso non parece motivo suficiente.


A oferta é variada, e incluso atractiva. Podería mellorar con mellor financiación, mais iso xa sabemos que é un imposible tratando de gobernantes e materia de cultura.

Demográficamente é verdade que temos unha poboación avellentada, e que moita xente nova pasa de museos e da chamada "cultura institucional"... máis só un 40% de visitas, cando ademais este estudo inclúe os grandes museos da Coruña ou recintos de tanto valor como Santa Tegra ou o Castro de Viladonga... non sei, parece que hai algo máis.

Entón, cal é a causa?

A min só se me ocorre unha: a falta da posta en valor da cultura propia, do noso megalitismo, da nosa etnografía e antropoloxía, de nós mesmos, á fin e ao cabo. Para unha boa parte da poboación o noso non ten valor.

O auto-odio. Do noso, do carro, dos camiños, dos montes, das carballeiras, das muiñeiras, dos castros, e, sobre todo, da cultura e da lingua galega.

O outro día subín unha entrada, que entre outras cousas trataba da transmisión de obxectivos dunha xeración a outra. Creo que xa sei cal é o obxectivo da nosa xeración. A nosa xeración debe eliminar o auto-odio dos galegos, e que nos recoñezamos como o que somos, membros dun povo con características culturais, etnográficas, sociolóxicas e lingüísticas propias que TEMOS que conservar. Ese é o noso obxectivo. É un compromiso, coas xeracións que viñeron antes, e, sobre todo, coas que han de vir.

lunes, 28 de septiembre de 2009

V




Voilà! In view, a humble vaudevillian veteran, cast vicariously as both victim and villain by the vicissitudes of fate. This visage, no mere veneer of vanity, is a vestige of the vox populi, now vacant, vanished. However, this valorous visitation of a bygone vexation stands vivified, and has vowed to vanquish these venal and virulent vermin vanguarding vice and vouchsafing the violently vicious and voracious violation of volition! The only verdict is vengeance; a vendetta held as a votive, not in vain, for the value and veracity of such shall one day vindicate the vigilant and the virtuous. Verily, this vichyssoise of verbiage veers most verbose, so let me simply add that it's my very good honour to meet you and you may call me V.

– O monologo introductorio (e aliterativo) de V ao coñecer a Evey


Unha reflexión sobre o medo, e sobre o poder do medo.
Sobre a violencia. Sobre o terrorismo.
Que é o terrorismo en realidade?
Quen é máis terrorista, un individuo ou grupo de individuos ou o goberno que os enfronta?

E a quen lle interesa máis este fenómeno?
Que estamos dispostos a perder por vivir sen medo?
A posibilidade de falarmos o que quixer? de reunirnos? de opinar?

En fin, unha reflexión sobre o poder e o seu abuso, e o medo e o que consigue o poder empregándoo.

Non me cansarei de recomendala.

V for Vendetta
 
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet